MANIFESTO DE CAAVEIRO

Por unha transición enerxética xusta e sustentable
O mundo atópase nunha situación de crise ecolóxica sen precedentes na que todos os seres do planeta estamos afectados dun xeito que pode chegar a ser irreversible.

O desenvolvemento humano dos últimos 150 anos, sobor de todo no eido económico e industrial, está a pasar factura ao equilibrio dos sistemas naturais a nivel global. Cómpre asumir que é preciso un cambio de sistema económico
porque os recursos do planeta son finitos, ou renovables a un ritmo que hai tempo foi superado pola voracidade do modelo produtivo. Nunca antes foi tan evidente que o capitalismo se converteu nunha ameaza real para toda a
humanidade.

Dentro deses cambios urxentes, debemos ser absolutamente conscientes da necesidade de pasar do uso de enerxías fósiles a outras renovables, sostibles e moito menos contaminantes. A chave da cuestión é como imos afrontar esa
transición enerxética. E só caben dúas posturas: dende un punto de vista egoísta ou poñendo o foco no interese social e colectivo.

Lamentablemente, os estados occidentais están afectados polas ideas liberais e delegan gran parte das súas funcións públicas como a educación, a sanidade, ou as pensións, na xestión privada. Isto non acontece por incapacidade para
xestionar ou por falta de eficacia; a razón é a prevalencia dos intereses privados dunha minoría por riba do beneficio da maioría da sociedade. O resultado é que, a longo prazo, a sociedade perde o seu ben máis prezado: a democracia.

Un exemplo disto estámolo a ver coa industria da enerxía, onde un cártel de empresas manipulan o mercado e os prezos para conseguir récords de beneficios mentres os gobernos non son quen de tomar medidas. O interese xeral está en
total regresión fronte a intereses dunha minoría privilexiada.

GALICIA: TERRA, AUGA E VENTO

Este refuxio que hoxe nos acolle, o Mosteiro de Caaveiro, corazón da Fragas do río Eume, é exemplo perfecto das moitas potencias de Galicia, entre elas, a capacidade natural para producir enerxía. E dende hai décadas son os nosos
montes os que se enchen de muíños, os nosos vales os que se asolagan cos encoros e o noso aire o que se contaminou co fume e a choiva ácida das térmicas.

Unha grande parte de toda esta produción eléctrica envíase fóra. A poboación galega só consumimos a metade da electricidade que xeramos. Cabe, pois, afirmar que o noso país sofre un espolio enerxético porque padecemos as
consecuencias da produción, sen que recibamos compensación ningunha. Ao contrario, os custos ambientais quedan enmarcados no noso territorio, pero son as grandes empresas da enerxía as que levan os beneficios deste proceso.

Nos últimos meses somos testemuñas dunha ofensiva sen precedentes coa presentación en masa de proxectos de parques eólicos, tanto en Galicia como en moitas outras zonas do estado.

Gran parte deste rebumbio por presentar proxectos vén pola intención das empresas de captar axudas dos fondos europeos Next Generation, nunha sorte de espolio dobre: ímoslles financiar o xeito de roubarnos.

Unha característica salientable destes proxectos é a súa implantación nas zonas rurais. Todo o seu grande valor ecolóxico, gandeiro, forestal, patrimonial e de hábitat vai padecer unha destrución ou modificación substancial. Non
podemos aceptar que os custos e os impactos se centralicen nuns poucos lugares, que van ser sacrificados, nunha dinámica neocolonial.

E falamos de impacto porque as consecuencias futuras xa podemos medilas hoxe de xeito obxectivo: ningún dos parques instalados hai 15 ou 20 anos trouxo beneficios para a súa zona de asentamento. Nos poucos casos onde se
conseguiu que parte dos beneficios reverteran na poboación, como o caso de Muras, estes representaron migallas en comparación co total dos beneficios privados obtidos.

CULTURA: ADAPTACIÓN DUN POBO AO SEU TERRITORIO

Galicia é terra de gandeiras, labregos, artesás, mariñeiros… a nosa industria sempre estivo ligada ao aproveitamento dos recursos locais. Nos sectores adaptados á terra e ao mar que nos acollen.

Pero a explotación salvaxe implica cambios radicais nos usos tradicionais do territorio. Os parques eólicos en terra van afectar ás explotacións agrogandeiras e no mar van afectar á pesca e á navegación. A industria forestal (e a capacidade
de descarbonización parella) vai minguar polo enorme espazo libre que requiren os corredores de vento cara aos muíños.

A transformación física do territorio vai ser evidente: ábrense novos camiños, téndense liñas aéreas de transporte da enerxía eléctrica, mudan os cursos de auga, vense afectadas fontes, mananciais e pozos, van facer centos de voaduras
e moveranse milleiros de toneladas de terra e residuos. Durante 25 ou 30 anos, imos soportar o impacto visual de milleiros de muíños.

Non debemos permitir a industrialización e privatización da paisaxe, co agravante de non obter ningún retorno social destas instalacións. Pensamos que as administracións non poden dar visto bo á implantación masiva de parques
eólicos. É unha invasión que converte o territorio nun polígono industrial continuo.

Por riba, a lóxica a curto prazo das empresas privadas non prevé que se vai facer cando as instalacións cesen a súa vida útil. Como se vai recuperar o territorio? Quen vai soportar os custos da rexeneración? Non é arriscado adiviñar
quen vai pagar.

O modelo económico imperante prima a explotación irracional dos recursos naturais, pero eiquí engádese unha característica propia, porque o impacto negativo se socializa sobre unha parte concreta: o territorio e a poboación rural.
Isto asenta un modelo que centraliza a produción de enerxía en lugares que se atopan a grande distancia daqueles onde se vai consumir. Isto non é eficiente, tendo en conta que unha parte importante da enerxía se perde no transporte.

FEITA A LEI, FEITA TRAMPA

A xestión privada da enerxía tamén trae outras consecuencias, a nivel político e legal, e presenta unha cantidade de eivas que non podemos nin debemos asumir.

O primeiro que se evidencia é que moitos dos proxectos presentados directamente non cumpren as leis vixentes. Do mesmo xeito que a veciñanza non pode edificar fóra das normas dun Plan de Ordenación Municipal, as empresas
non poden situar parques fóra das zonas sinaladas nin poden mudar o uso prioritario do territorio. E aínda así, é o que pretenden.

As empresas enerxéticas non actúan de boa fe. As súas prácticas carecen dos máis mínimos parámetros esixibles en transparencia. Vémolo cando fraccionan os proxectos para sortear os controis públicos ou cando presentan
proxectos de 49,99MW ou de 50,01MW para que a decisión de aprobación recaia sobre responsabilidade autonómica ou estatal segundo o goberno “amigo” de quenda se amose máis favorable ou non.

Temos detectado prácticas de moi dubidosa legalidade, por parte das empresas, para acadar da veciñanza acordos ou a sinatura que precisan para avanzar no seu propósito.

Tamén son incontables os atrancos que atopamos para defender os nosos dereitos, incluso a nivel municipal. Uns concellos carecen de información; outros que a si a teñen ocúltana ou negan o acceso a ela con trabas e arteiradas de
todo tipo. Buscan que os veciños non poidamos informarnos, organizarnos e defender os nosos dereitos, chegando incluso á manipulación dos movementos veciñais para minimizar a oposición ao proxecto e o impacto social e político.
A complicidade cruzada de empresas e partidos institucionalizados é palpable cando os gobernos actúan abertamente en defensa dos intereses das empresas e dos seus intereses partidistas, situando a cidadanía nunha posición de total indefensión.

AS ALTERNATIVAS ESTÁN AÍ

É certo, necesitamos enerxía, sobor de todo eléctrica, porque ninguén quere volver a Idade de Pedra. Tamén é irrenunciable que a súa obtención debe ser o máis limpa posible.

Chama a atención a repentina febre pola eólica, pero é moito máis curioso que o país con máis horas de sol de Europa, sexa tamén o que ten menos prantas de enerxía solar. O abandono por parte dos gobernos da súa responsabilidade no plano da iniciativa e a planificación pública da enerxía trae estas consecuencias.

Hai outras opcións, con máis lóxica e menos impacto: a repotenciación. Xa hai parques eólicos ao limite da súa vida útil. Non é preciso estragar máis territorio cando podemos cambiar as instalacións obsoletas por outras máis eficientes e rendibles. É necesario reciclar, e isto inclúe tamén os eólicos. Calquera goberno con conciencia ecolóxica debería contemplar esta opción.

Non se fomenta o autoconsumo, as instalacións unifamiliares no rural ou as comunitarias nos edificios das zonas urbanas. Non existe unha política enerxética pública que planifique o futuro tendo en conta a tecnoloxía produtora máis acaída segundo a adaptación ás necesidades da poboación e do territorio, á rendibilidade ou á proximidade, que busque sempre minimizar o tremendo impacto das liñas de evacuación.

Temos as tecnoloxías, pero a vontade está secuestrada. A única solución a todo isto pasa por esixir un cambio de modelo enerxético cara a un 100% público, onde a poboación teñamos voz, voto e pleno control democrático sobre o noso futuro.

Por todo isto, as organizacións asinantes:

PRIMEIRO.- Manifestamos a nosa total oposición ao actual modelo enerxético do estado, especialmente o modelo de desenvolvemento eólico en Galicia.

SEGUNDO.- Esiximos aos gobernos autonómico e central a paralización inmediata de todos os proxectos de parques eólicos en tramitación.

TERCEIRO.- Esiximos ao goberno central a intervención inmediata e a posta baixo control estatal do mercado e das empresas enerxéticas.

CUARTO.- Esiximos ao goberno a creación inmediata dunha empresa pública así como a planificación da estratexia enerxética do estado, por medio dun Plan Estratéxico a nivel estatal e autonómico que planifique a produción, o transporte e o consumo de enerxía eléctrica. Unha planificación que debe ter como obxectivo a xustiza e a racionalidade nestes tres eidos, protexendo os valores económicos, patrimoniais, paisaxísticos e ambientais de todo o territorio e a saúde das persoas.

QUINTO.- Esiximos aos gobernos central e autonómico, a elaboración de novas lexislacións sobre enerxía, que finiquiten a actual, por obsoleta e antisocial, e que teñan como espírito o principio recollido no artigo 128 da Constitución:
“Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal for a súa titularidade, está subordinada ao interese xeral”.

SEXTO.- Chamamos a todas as cidadás e cidadáns a organizarse, a informarse e a mobilizarse, coa fin de dar pulo a un movemento forte e duradeiro, tanto a nivel galego como estatal, a prol dunha produción e xestión enerxética pública,
sustentable e xusta.

SEPTIMO.- Solidarizámonos con todas as persoas, aldeas e pobos de todos os puntos do Estado que, coma nós, están a ser acosados pola cobiza das empresas de enerxía.

OITAVO.- Chamamos a todas as persoas a confluír, a coordinarnos e a estender as loitas. Temos que facernos escoitar.


En Caaveiro, nas Fragas do Eume, a 5 de Setembro de 2021