COMUNICADO DA PLATAFORMA VECIÑAL A CAPELA DI NON

Dende a Plataforma Veciñal A Capela di NON facemos balance do traballo feito ao longo desta semana.
Despois da xuntanza de traballo celebrada o pasado martes 20, levamos tres días facendo chegar á veciñanza as nosas alegación aos Proxectos de Parque Eólico Caaveiro e Tesouro, labor que continuaremos facendo nos próximos días.
Dirixímonos ademais ao tecido asociativo e empresarial presente no concello para procurar o seu apoio, tanto asinando as alegacións como contribuíndo á difusión da información sobre a Plataforma.

Queremos agradecer o apoio e colaboración que estamos atopando por parte de varios negocios que nos están permitindo colocar nos seus locais puntos de información e de entrega e recollida de documentos de alegacións. Agradecemos tamén o labor realizado por Suso dende a oficina de rexistro do Concello e á Cooperativa Campo Capela por ceder o uso do seu salón de actos.

Estamos á espera de que se produza por parte do Concello de A Capela a declaración institucional sobre os Proxectos Eólicos que solicitamos por escrito hai unha semana un conxunto de 150 veciños e veciñas. Estamos á espera tamén de que se convoque pleno extraordinario para tratar esta cuestión. Agardamos que o concello solicite, tal como lle requirimos, que se engadan ao expediente dos proxectos unha serie de informes que a promotora non presentou, deixando polo tanto incompleta a avaliación de impacto ambiental. Queremos que a corporación municipal se posicione con claridade e valentía a prol da veciñanza e da defensa do Concello de A Capela e fronte aos Proxectos Eólicos. Uns proxectos que poñen en risco o noso patrimonio, a nosa economía, os nosos espazos naturais, a paisaxe, os nosos recursos hídricos e en definitiva a forma de organizar o territorio transmitida xeneracionalmente e que nos permite desfrutar hoxendía dunha terra ben conservada e dunhas formas de vida harmoniosas co medio.

Nestes días que quedan ata a finalización do prazo de entrega de alegacións, solicitamos que se difunda a información da campaña que estamos a realizar tanto a Plataforma A Capela di NON como as plataformas veciñais dos concellos veciños afectados tamén polos proxectos. Calquera pode asinar as alegacións e entregalas en calquera rexistro municipal ou da Xunta de Galicia. Tanto se reside nun concello afectado coma se non. A depredación enerxética da que está sendo obxecto o noso territorio é un problema de todos e de todas. Só a resistencia colectiva e sostida no tempo, a coordinación entre as distintas zonas afectadas e a implicación do conxunto da sociedade galega pode parar esta nova forma de colonización.

23 de xullo de 2021

 

Mapas Topográficos – Líneas de Alta tensión